305 estudantes de cinco países reuníronse no HackUDC 2025, o maior hackathon de Galicia

A Facultade de Informática (FIC) da Universidade da Coruña (UDC) converteuse esta fin de semana no epicentro da innovación tecnolóxica coa celebración do HackUDC 2025, o maior hackathon de Galicia. O evento, organizado polo Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), reuniu a 304 estudantes procedentes de cinco países e 75 localidades, que competiron durante tres días resolvendo retos formulados por empresas líderes do sector.
O hackathon foi inaugurado o venres polo reitor da UDC, Ricardo Cao, e pola vicerreitora de Estudantes, María José Lombardía. Contou cunha ampla representación de estudantes de diferentes disciplinas STEM, principalmente de Enxeñaría Informática, Telecomunicacións, Matemáticas e Física, así como alumnado de formación profesional e doutros niveis educativos. A nivel internacional, participaron estudantes de España, Portugal, Italia, Francia e Alemaña, consolidando o crecemento e a proxección global do evento.
Durante a fin de semana, os equipos competiron desenvolvendo solucións para retos relacionados coa intelixencia artificial, a ciberseguridade, a computación na nube e o desenvolvemento de aplicacións innovadoras. As propostas foron avaliadas por un xurado composto por representantes das empresas patrocinadoras, que premiaron aquelas solucións que mellor responderon ás necesidades formuladas.
O HackUDC 2025 destacou pola combinación de competición e espírito colaborativo, ofrecendo aos participantes a oportunidade de poñer en práctica os seus coñecementos, traballar en equipo e establecer contacto directo con profesionais e empresas do sector tecnolóxico. A organización subliñou a importancia deste tipo de eventos para fomentar o talento, a creatividade e a innovación entre a mocidade.
Ademais da competición, o programa incluíu charlas, obradoiros e actividades de networking, facilitando a aprendizaxe e a conexión entre estudantes e expertos. O éxito da convocatoria e a calidade dos proxectos presentados reafirman o HackUDC como un referente no panorama dos hackathons a nivel nacional e internacional.