25 anos de paixón polo folclore: a historia da Asociación Cultural Donaire

ACoruñaXa
Falamos con Olga Kirk Martínez, directora artística do grupo e da escola da asociación
donare-asoc
30 Mar 2025

Por Amanda Fernández

Este 2025, a Asociación Cultural Donaire da Coruña celebra un fito importante: 25 anos de traballo incansable na defensa e divulgación da cultura tradicional galega. Falamos con Olga Kirk Martínez, directora artística do grupo e da escola da asociación, quen nos contou sobre os inicios, a evolución e os retos de Donaire ao longo destes anos.

OS INICIOS: ILUSIÓN E ESFORZO

A Asociación Cultural Donaire naceu no barrio dos Castros grazas á iniciativa dun grupo de familias e mozos que compartían un profundo amor pola cultura e tradición galega. "Os inicios foron duros pero cun gran motor: a ilusión de crear algo novo, algo no que todos criamos e que motivaba o noso día a día", explica Olga.

A asociación comezou con arredor de 40 familias e, desde entón, non deixou de medrar. "Nos primeiros anos eramos só dous mestres, e agora somos sete. Temos 96 clases, 800 socios familiares e ao redor de 1.300 asistentes ás nosas actividades", destaca. Un dos momentos de maior cambio chegou coa pandemia, cando decidiron alugar unha nave no polígono de Agrela para poder continuar coas clases e ampliar a súa oferta formativa. Ata ese momento desenvolvían a súa actividade fundamentalmente no Centro Cívico de San Diego e nos ximnasios das escolas da contorna (no CEIP Juan Fernández Latorre). "O máis importante é que a xente seguiu confiando en nós", engade Olga, destacando o auxe que vive actualmente a música e o baile tradicionais.

Incide que teñen que dar as grazas a todas aquelas que confiaron e seguen a confiar en Donaire, como “vehículo do legado adquirido polas nosas informantes, a quen se lles dedica este ano o Día Das Letras Galegas”. Consideran que é “unha débeda histórica feita realidade”.

UNHA ESCOLA DE TRADICIÓN VIVA

As actividades da A.C. Donaire abranguen baile tradicional, pandeireta e canto, gaita, percusión, pandeiro e acordeón, cunha oferta que se estende desde os 3 anos ata idades avanzadas. "Estamos orgullosísimos do noso grupo sénior de baile e pandeireta, que ten unha demanda altísima", comenta. As clases máis solicitadas son as de canto e pandeireta, seguidas do baile, que representan preto do 75 % das actividades da escola.

Por tratarse dun ano tan especial, con motivo do aniversario, Donaire decidiu fusionar os seus dous festivais anuais: O Berce de Donaire (5 de maio), dedicado á xente miúda, e onde convidan a otras asociación; e o Dálle Donaire (5 de abril), protagonizado polos grupo titular e os grupos máis veteranos. "Este ano, todos os grupos que actúan son os da nosa escola. Como novidade, falaremos un pouco da nosa historia nestes anos, e estrearanse varios grupos de xente adulta, que por primeira vez saen a un palco. Para nós, isto era moi importante, xa que unha parte enorme da nosa escola, está formada por xente que xa superou a maioría de idade.", revela Olga.

MANTER VIVO O LEGADO

A preservación do folclore galego é a esencia da asociación. "O maior reto é transmitir a importancia e o valor deste legado á xente miúda. Esa conciencia e cariño pola nosa cultura, pola nosa lingua, e pola nosa música, é un dos principais obxectivos da nosa asociación, e conseguir sementar ese grao de area, cun traballo diario, é a nosa fachenda", afirma. Destaca, ademais, a dedicación do profesorado na difusión da nosa cultura.

A asociación acolle participantes de todas as idades, dende os 3 ata os 83 anos. "Podemos dicir que temos un amplo abano. Ademais, moitos dos nosos compoñentes actuais do grupo titular naceron dentro de Donaire, e catro dos mestres levaron toda a súa vida folclórica aquí", salienta Olga. Tamén destaca que o folclore está a converterse nun xeito de socializar para a mocidade: "As foliadas crean un vínculo de pertenza único. De feito, xa estamos ultimando a nosa foliada máis importante, que se celebrará no Parque de Eirís o 10 de maio".

Olga considera que A Coruña está nun "momento moi emerxente" no eido cultural. "No que respecta á música tradicional, podemos dicir con fachenda que hai un lote de grupos e asociacións traballando intensamente".

Entre os milleiros de momentos vividos, Olga comenta un especial: "No 2022, participamos por terceira vez no Festival Intercéltico de Lorient. Unha das actuacións era no estadio de fútbol, ateigado de milleiros de persoas. No momento de comezar, escoitouse un aturuxo desde o público que fixo calar o estadio. A aturuxadora era unha das nosas socias, nai de dous bailadores, que aproveitou as súa vacacións para vir vernos. Aquel momento provocou unha ovación que nunca esqueceremos".

Para quen queira formar parte de Donaire, Olga asegura que "só fai falta ter ganas de aprender". Os interesados poden contactar a través das redes sociais, a páxina web ou no correo info@acdonaire.com.

E cal é o obxectivo para os próximos 25 anos? "Que non esmoreza a paixón polo noso patrimonio inmaterial e que Donaire siga traballando con aquela mesma ilusión coa que comezamos hai 25 anos", conclúe Olga Kirk Martínez.

⚙ Configurar cookies
0.37277388572693