A Xunta dá luz verde ambiental ao parque eólico do porto exterior da Coruña en Arteixo

ACoruñaXa
A declaración de impacto ambiental considera viable o proxecto de Inditex Renovables, condicionado ao cumprimento das medidas de protección establecidas
Imaxe do porto exterior da Coruña
22 Dec 2025

A Xunta de Galicia emitiu unha declaración de impacto ambiental (DIA) favorable ao proxecto de parque eólico previsto no porto exterior de Punta Langosteira, situado no concello de Arteixo. A resolución, ditada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, conclúe que a instalación non terá impactos ambientais significativos sempre que se cumpran os condicionantes recollidos no estudo avaliado e no programa de vixilancia ambiental.

A iniciativa está promovida por Inditex Renovables e contempla a execución dun parque eólico cunha potencia total de 19,8 megavatios, integrado por tres aeroxeradores e as súas infraestruturas asociadas. O proxecto inclúe vieiros de acceso, plataformas de montaxe, gabias de cableado, unha torre meteorolóxica, a ampliación da subestación eléctrica existente e unha liña de evacuación da enerxía que irá soterrada.

Segundo se recolle na resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, a DIA foi elaborada no marco dun procedemento de avaliación ambiental ordinaria, no que a documentación presentada foi sometida a información pública. Neste proceso consultáronse doce organismos e analizáronse diversas alegacións, das que se derivaron condicionantes adicionais aos xa incluídos no programa de vixilancia ambiental da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

Os informes sectoriais coinciden en que o proxecto é viable desde o punto de vista ambiental, sempre que se respecten as medidas establecidas en ámbitos como a protección da atmosfera, das augas e dos leitos fluviais, do solo e das infraestruturas, así como da fauna, da vexetación, da paisaxe e da correcta xestión dos residuos.

A ampliación da subestación eléctrica permitirá evacuar a enerxía xerada polo parque eólico e conectala á rede de distribución da zona, posibilitando tamén o subministro ás instalacións do complexo industrial que Inditex ten en Arteixo. A superficie total de ocupación das plataformas de montaxe dos aeroxeradores supera os 19.700 metros cadrados, dos que máis de 1.300 serán de carácter temporal durante a fase de obras.

A Xunta lembra que esta declaración favorable non exime ao promotor de obter o resto de autorizacións, licenzas e permisos legalmente exixibles antes de iniciar o desenvolvemento do proxecto.

⚙ Configurar cookies
0.082645893096924