Pablo Pereira Montesdeoca gaña o XXI Premio Castelao de Banda Deseñada con A cerimonia do Limiar

GaliciaXa | ACoruñaXa
A Deputación da Coruña distingue unha obra que reinterpreta o horror rural galego entre as 19 propostas presentadas, mentres que a categoría Infantil e Xuvenil queda deserta
premio-castelao-banda-deseñada-coruña
24 Jul 2026

Pablo Pereira Montesdeoca converteuse no gañador da XXI edición do Premio Castelao de Banda Deseñada, convocado pola Deputación da Coruña, grazas ao proxecto A cerimonia do Limiar. O xurado escolleu esta obra entre as 19 candidaturas presentadas na modalidade xeral, destacando especialmente a súa proposta gráfica e a súa reinterpretación do horror rural galego.

Na súa valoración, o órgano avaliador resaltou a calidade visual do traballo, o uso da cor e o dominio da linguaxe audiovisual por parte do autor. Ademais, subliñou que a obra ofrece unha reinterpretación do horror rural galego na que a cor contribúe a reforzar a atmosfera de fantasía e maxia que percorre toda a narración.

A deputada de Cultura, Natividade González, felicitou ao gañador e puxo en valor a aposta da Deputación polo sector da banda deseñada. Segundo afirmou, “a obra de Pablo Pereira demostra o enorme talento e a madurez narrativa que posúe a banda deseñada na nosa terra, capaz de reinventar o xénero do horror rural desde unha perspectiva visualmente fascinante e orixinal. O Premio Castelao segue a ser un impulso imprescindible para fortalecer a nosa creación cultural e dar visibilidade ao traballo de grandes profesionais do sector”.

O xurado desta vixésimo primeira edición estivo presidido pola propia Natividade González e integrado por Bea Gregores, María Brenn e as persoas gañadoras da anterior edición do certame, Giovanna Lopalco, Elías Taño e Manuel Barreiro.

Durante a mesma sesión tamén se avaliaron as obras presentadas á modalidade Infantil e Xuvenil. O xurado acordou por unanimidade declarar deserta esta categoría ao considerar que ningunha das propostas acadaba a calidade necesaria para obter o galardón.

0.1161060333252