O Burgo activa un dispositivo especial de seguridade ante unhas festas que esperan miles de visitantes

As festas patronais de O Burgo comezan este mércores cun operativo especial de seguridade deseñado para afrontar a chegada de milleiros de persoas ao municipio de Culleredo durante os próximos días.
O dispositivo contará coa coordinación da Policía Local, Garda Civil e os servizos de Emerxencias, con reforzo de patrullas e a instalación dun posto de mando avanzado na zona dos festexos. Neste espazo habilitarase tamén un posto sanitario, unha zona para ambulancias e os medios dos bombeiros, ademais dun sistema de videovixilancia para mellorar a capacidade de resposta ante posibles incidencias.
Entre as medidas previstas polo Concello estará tamén a posta en marcha dun Punto Violeta, atendido por persoal especializado, para ofrecer apoio ante posibles situacións de violencia ou agresións sexistas.
A mobilidade será outro dos puntos centrais do operativo. A Policía Local establecerá controis nos pasos de peóns da contorna do recinto festivo e reforzará a protección dos viandantes, especialmente na avenida da Coruña, onde se ampliou o espazo destinado ás persoas que acudan camiñando.
Durante todos os días das festas haberá cortes de tráfico na avenida Juan Carlos I, entre a glorieta da avenida da Coruña e a glorieta da rúa Templarios. O peche activarase ás 17.00 horas, agás o sábado 25 de xullo, cando comezará ás 12.00 horas.
O Concello lembra ademais que o paseo marítimo na zona peonil xunto á ría continúa afectado polas obras que executa o Estado, polo que permanece pechado e non poderá utilizarse durante os festexos.
Para facilitar o acceso en vehículo, habilitaranse diferentes zonas de estacionamento, entre elas a explanada situada xunto ao botánico. Tamén se reservarán espazos para persoas con mobilidade reducida no aparcadoiro de Gadis e na rúa Templarios. Os taxis dispoñerán dunha parada específica na avenida da Coruña e reforzaranse os autobuses metropolitanos nocturnos nas xornadas de maior afluencia.
O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, pediu á veciñanza e ás persoas visitantes que gocen das festas con responsabilidade e lembrou a importancia de respectar as indicacións dos equipos de seguridade, así como evitar o consumo de alcohol ao volante.