Paderne inicia a rehabilitación do lavadoiro de Sas para preservar o seu patrimonio

ACoruñaXa
O proxecto, cunha inversión de 36.300 euros, busca asegurar a estabilidade e a conservación da histórica construción en Velouzás
Imaxe do lavadoiro de Sas en Paderne
22 Oct 2024

O Concello de Paderne puxo en marcha recentemente un importante proxecto de mellora e acondicionamento do lavadoiro de Sas, situado na parroquia de Velouzás. Esta intervención, que conta cunha inversión total de 36.300 euros, ten como obxectivo principal a protección e conservación dun dos elementos patrimoniais máis significativos do municipio.

Deste importe, 30.000 euros foron subvencionados a través da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, en dúas anualidades, mentres que a cantidade restante será asumida polas arcas municipais. A actuación está orientada a garantir a estabilidade estrutural da construción e mellorar as súas condicións de seguridade, ao tempo que se preservan todos os elementos que a rodean, como a fonte e o seu entorno.

Os traballos inclúen diversas accións, como a roza do contorno do lavadoiro, a renovación do chan exterior e a demolición da estrutura de pilar de formigón armado. A obra prevé a colocación dunha columna de granito silvestre de 2,30 metros, así como a protección das vigas con madeira laminada. A cuberta será dotada de taboleiro de piñeiro, fibrocemento e tella, e incluirá un canlón con baixante de sección circular. Por último, a construción recibirá un tratamento de pintura con materiais transpirábeis e hidrofugantes, e será finalizada cun chapado de granito gris.

O alcalde de Paderne, Sergio Platas, destacou a importancia de conservar o patrimonio local, afirmando que "o patrimonio dun pobo é parte da súa identidade. É fundamental ter en consideración os nosos elementos e velar polo seu mantemento". Platas engadiu que a rehabilitación do lavadoiro non só servirá para mellorar a súa apariencia, senón que permitirá que continúe a ser utilizado para os seus fins tradicionais.

0.16242408752441