La carrera popular de Nuevo Mesoiro cerrará la undécima edición de Coruña Corre el 24 de noviembre
A Coruña abre o prazo de inscrición para a carreira popular de Novo Mesoiro, a última proba do circuíto Coruña Corre, que se celebrará o domingo 24 de novembro. Esta carreira, que xa se consolidou como un evento deportivo destacado na cidade, terá lugar na contorna do pavillón polideportivo municipal de Novo Mesoiro, na rúa dos Ancares, e contará con trazados deseñados para distintas categorías, desde a absoluta ata as de menor idade.
O percorrido principal, reservado para a categoría absoluta, terá unha distancia de 5,5 quilómetros, case en total sobre asfalto. A saída está programada para as 10:00 horas, e levará ás e aos participantes polas principais rúas do barrio, incluíndo a avenida de Novo Mesoiro e as rúas Fragas do Eume, Ribeira Sacra e Illa de Sálvora, cun regreso final ás inmediacións do pavillón municipal.
A partir das 11:00 horas, trala entrega de premios da proba principal, darán comezo as saídas das categorías inferiores, que se irán sucedendo de forma progresiva para ofrecer un espazo de participación adaptado a cada idade, desde as categorías sub-18 ata a sub-10 e peques.
Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes, animou á veciñanza a participar nesta última etapa de Coruña Corre, destacando o valor do evento para a dinamización dos barrios e a promoción de hábitos de vida saudable en todas as idades. "Coruña Corre amosa cada ano o potencial dos eventos deportivos para dar vida aos barrios e fomentar valores saudables interxeracionais", sinalou o edil.
As persoas interesadas en participar xa poden formalizar a súa inscrición a través da páxina web oficial de Coruña Corre. A taxa para a categoría absoluta é de 3 euros, mentres que as categorías inferiores contan con inscrición gratuíta. A data límite para rexistrarse é o domingo 17 de novembro, unha semana antes do evento.
Como en todas as probas do circuíto, o Concello da Coruña habilitará un servizo de gardarroupa e duchas no pavillón polideportivo municipal, así como un punto de avituallamento con auga e alimento sólido na meta para todas as persoas participantes.