A Coruña rinde homenaxe a Castelao cun ciclo de conferencias no 75 aniversario da súa morte

O Palacio Municipal de María Pita acolleu este mércores a presentación do ciclo de conferencias 'Castelao e o seu tempo', unha proposta que conmemora o 75 aniversario do falecemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en Bos Aires. O programa convida a reflexionar sobre a figura, o pensamento e o legado do intelectual galego, e terá lugar os días 6, 11, 12 e 19 de novembro na Casa Museo Casares Quiroga.
A iniciativa está organizada pola Fundación Castelao e o Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, coa colaboración do Concello da Coruña, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega.
O concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, destacou que o ciclo 'supón unha oportunidade para que A Coruña homenaxee a Castelao coa altura intelectual e institucional que merece, reafirmando o seu papel como capital cultural galega comprometida coa memoria, a arte e o pensamento'.
No acto de presentación participaron tamén Emilio Grandío Seoane, presidente do Instituto José Cornide e coordinador das xornadas; Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao; e Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística. Todos eles coincidiron en subliñar a importancia desta proposta e o papel fundamental da Coruña na difusión do pensamento galeguista.
Grandío explicou que o ciclo 'pretende ofrecer unha relectura plural de Castelao desde diferentes xeracións e perspectivas', mentres que Seixas lembrou 'a profunda pegada que A Coruña deixou na vida e na obra de Castelao'. García, pola súa banda, puxo en valor “a colaboración institucional e a calidade da programación cultural do Concello, que sitúa a cidade como referente dentro do Ano Castelao 2025'.
O ciclo forma parte dunha programación cultural coa que o Goberno de Inés Rey continúa consolidando o liderado da Coruña como cidade de pensamento e creación, comprometida coa cultura galega e coa memoria compartida.